Tuesday 14 de May de 2024

O Concello de Frades envía unha queixa á Deputación da Coruña polo atraso na licitación da mellora das beirarrúas de Ponte Carreira


 

Roberto Rey: “non entendemos cal é o motivo do atraso na licitación, sobre todo vendo que noutros municipios se están facendo e licitando obras coma estas, polo que esiximos o mesmo trato”

A Xunta de Goberno do Concello de Frades aprobou o envío dunha solicitude ao Departamento de Vías e Obras da Deputación da Coruña na que manifesta a súa queixa polo atraso na saída a licitación da obra de reparación das beirarrúas na DP-3802, entre o núcleo de Ponte Carreira e o colexio. O alcalde de Frades, Roberto Rey, asegura que “non entendemos cal é o motivo do atraso na licitación desta obra tan necesaria, sobre todo vendo que noutros municipios se están facendo e licitando obras coma estas, polo que esiximos o mesmo trato”.

Rey Martínez lembra que “estamos falando dunha obra da que iniciei os trámites con Diego Calvo na presidencia da Deputación, que se retomou cunha visita do actual presidente en 2016 e que, unha vez que o proxecto foi feito polo Concello de Frades, foi aprobado en pleno en setembro de 2018. E como estamos vendo que noutros concellos da provincia se están realizando e licitando obras coma estas, nós esiximos o mesmo trato para o noso concello e para os nosos veciños e veciñas”.

As obras de renovación de beirarrúas entre o núcleo de Ponte Carreira e o colexio suporán un investimento de 198.734,29 euros. O proxecto inclúe a reconstrución de 1.360 metros de beirarrúas entre o núcleo de Ponte Carreira e a zona na que se emprazan o colexio, o polideportivo municipal e a igrexa parroquial da localidade, á beira da estrada CP-3082 Ordes-Ponte Carreira.

As obras contemplan a mellora da contorna, coa colocación de 19 alcorques para acoller árbores, a canalización do alumeado público e a instalación dunha varanda metálica de 346 metros, para mellorar a seguridade dos peóns, en especial dos moitos nenos e nenas que empregan a diario estas beirarrúas.